martes, 26 de noviembre de 2013

BOAS FESTAS (publicado no xornal De Luns a Venres)

* Recupero un artigo que escribín o ano pasado, por datas máis ou menos similares. Penso con nostalxia que lamentablemente moitas cousas non mudaron, e algunhas incluso foron a peor.
_________________________________________________________________________________

Chámame a atención unha frase que escoito a miúdo estes días: ''Desexo que acaben estas festas''. O Nadal foi sempre unha data esperada por maiores e pequenos, homes e mulleres, pobres e ricos. Pero este ano, non. Máis de cinco millóns de parados, dos maiores desempregos de Europa, conxelación de pensións, copago, recortes salariais e sociais, despedimento doado e barato. E non sigo para non aburrilos porque dobran as campás pola morte do Estado do Benestar e só nos quedan xa as alegrías da selección nacional, primeira potencia mundial.

Pero este ano todo o mundo parece ter présa en que pasen as festas. ¿A que se debe? A única explicación é que convertemos o Nadal, en lugar dunha festa, nun mercado. Inflámolas tanto que ameazan con triturarnos. O capón, ollomol, angulas, turróns e cava e o Nadal pasou a ser un trafego de obsequios de aquí para alá, festexos, felicitacións, viaxes e papás noeles subindo polas fachadas, Reis...e todo iso empachounos. Este ano nótase aínda máis pola crise. Quen non pode permitirse eses dispendios anda triste e os que se meten neles pregúntanse como van pagalos. O caso é que moitos desexarían que estas festas xa rematasen. En certo sentido, convertémonos todos en escépticos, ante uns días que viñan representando o triunfo da familia, a amizade, a calor humana, a satisfacción polo simple feito de ter vido a este mundo. É a mensaxe que quixese transmitir nestes tempos, ante a desilusión que nos rodea.

Chega un a estes días de Noiteboa con verdadeiras ganas de dar boas novas. Está farto de tanta violencia por todas as partes, suicidios por desafiuzamentos e unha banca que recibe axudas millonarias e que vai á quebra, xestores que se enriquecen e diñeiro de políticos que escapa para Suíza.

No medio de tanta desgraza, quixera anunciar, coa humildade, aquela máxima da estrela, aínda non superada por ningunha campñaa de mercadotecnia: ''Paz na terra aos homes de boa vontade''. Quero dicir que, malia todo, progresamos. Avanzamos mesmo cando parece que imos para atrás. Avanzamos correxindo as nosas equivocacións. É o feitizo da democracia. Ou...¿será so o feitizo destas datas?

Non é esta a primeira crise que atraves o noso país. E non será desde logo a última. Noutras máis difíciles nos vimos e, no entanto, saímos. Vénme á memoria cando Azaña escapou para Francia e durante a fuxida lles repetía aos seus acompñaantes o que dixo Sancho: ''O que posúo lévoo posto. Nu nacín e nu me acho; nin perdo nin gaño''


Menos tiña aquel que naceu tal noite como a de Noiteboa de hai mais de 2.000 anos e xa ven...cambiou o mundo. Así que: ¡Boas festas a todos!


(26/12/2012)

*Para ver o orixinal pinchade aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario